mércores, 30 de outubro de 2013

HOXE CELEBRAMOS O SAMAÍN!!!

Hoxe celebramos o Samaín,
que noutros sitios se chama Halloween....
tumba por alíiiiii, tumba por aláaaaa,
tuuuummmbaaaa, tuuuummmbaaaa,
ja ja ja ja jaaaaaaaaaaaaaaaaaa


 
Hoxe o colexio organiza o Samaín. Unha das primeiras festas do curso, tódolos nenos que o desexen van disfrazados e levan a súa cabaza decorada, algún neno tamén leva doces monstruosos!!!.
Ás 13:45 aproximadamente tódolos nenos sairán ao patio e nas filas asustaránnos cunha cantiga típica.
 
¿Pero queredes saber algo máis do samaín?
 
 


Halloween e o ano novo celta en Galicia - As orixes de Halloween

Inda que as orixes máis lembradas da festa son americanas, a verdade é que até 1845 o Halloween non foi celebrado naquel país, alomenos dun xeito aberto. Os "pais pelegríns" dos Estados Unidos, imbuídos pola súa fervenza relixiosa, ou ben descoñecían a existencia desta festa, ou ben sinxelamente prohibiron celebrala.

Pero en 1845-46 un suceso de carácter histórico ía cambiar esta posición. Foi a grande fame que aconteceu en Irlanda a causa das malas colleitas da pataca. Daquela, a illa británica estaba poboada por aproximadamente 12 millóns de persoas. Só dez anos despóis a poboación era de 6 millóns, e inda hoxe non é máis grande. ¿Onde foron todos estes irlandeses? A meirande parte emigrou ós Estados Unidos, e o porto de New York converteuse nun fervedoiro de xente chegada da illa esmeralda, que traía a súa relixión (o catolicismo) e as súas tradicións como o era Halloween.

A tradición, polo tanto, non foi creada en América, senón que esta proviña de Irlanda, onde se gardaron mellor as antigas tradicións celtas e druídicas.

Orixinalmente esta festa druídica chamábase "a vixília de Saman". O nome de "Halloween" ven do intento de cristianizar esta festa pagana, concretamente cando no ano 830 o papa Gregorio IV dedicou unha capela da igrexa vaticana a "Tódolos Santos" o día 1 de novembro, mudando así a festa que antes se viña celebrando no mes de maio. O novo día foi chamado "Día de Tódolos Santos" (ou All Hallow's Day en inglés) e cedo chegóu o costume de chamar á tardiña antes "All Hallowe'en", que acurtado é HALLOWEEN.

Pero o feito importante é que a cristianización desta festa celta fracasou, mentres que noutras festas coma Pascuas ou o Nadal o pobo esqueceu a verdadeira orixe da festa, co Halloween foi ó contrario.

En efecto, a celebración orixinal non se chamaba Halloween, senón SAMAN, SAMAIN ou SHAMHAIN (a verba pronúnciase "xao-in"), e comezou moito antes de Cristo entre os antigos pobos celtas.

Para os historiadores cristiáns, os celtas observaban uns rituais no fin do verán e facían sacrifícios a Samaín, que era o seu deus da morte e dos malos espíritos. Con esta festa sinalábase o comezo do novo ano celta.

Estes historiadores afirman que o deus dos druídas chamábase Saman, Samana, Shamhain ou Samhain, e que esta festa era chamada "a vixília de Saman". A moderna versión deste deus é ese macabro esquelete cunha fouce na man que sen dúbida veriades algunha vez nas películas. O esquelete é coñecido hoxendía entre os americanos coma the grim reaper (o segador macabro).

No seu libro Halloween Through the Centuries, o escritor Ralph Linton dí: "a celebración americana do Halloween ven de costumes populares escocesas e irlandesas que poden seguirse en liña directa dende tempos pre-cristiáns. As celebracións máis vellas mantíñanse polos druídas en honra a Shamhain, o señor dos mortos, e cuio festival cae o primeiro de novembro".

Segundo outras fontes, os celtas consideraban o día 1º de novembro porque as follas comezaban a caír, facíase de noite antes e a temperatura baixaba. Eles crían que Muck Olla, o seu deus do sol, estaba a perder forza porque Samhain, señor da morte, estaba a vencelo. Ademáis, crían que o 31 de outubro Samhain xuntaba os espíritos de todos aqueles que morreran durante o ano anterior. Atá entón eses espíritos estarían presos nos corpos dos animais, como castigo polos seus pecados.

Na véspera da festa de Samhaim, ou sexa, o 31 de outubro, ós espíritos se lles permitía regresar ós seus fogares para visitar ós vivos. E para protexer á xente, os druídas dirixían ó pobo en ceremonias diabólicas de adoración de cabalos, gatos, años negros, bois, etc. Todos eles, incluíndo algúns seres humáns, eran arroxados ó lume e ardían na fogueira, para aplacar a Samhain e evitar que os espíritos sofrisen danos.

O Halloween en Galicia
Galicia resultou fortemente romanizada, polo que os máis importantes ritos celtas ficaron perdidos para sempre moi cedo. E por se fora pouco, os restos de calquera sinal de paganismo foron borrados pola Igrexa cristiá e polas sucesivas ondas do Estado. 
A festa de Santos ten en Galicia un senso moi particular, iso non ten dúbida, pero sexa cal for, este  senso é totalmente integrable nas mesmas tradicións cristiás de Castela e de todo o Mediterráneo.
Tan só perviven coma recuperadas algunhas festas, coma a de Cedeira, e noutras vilas inda se garda a tradición dos fachos. Esta segunda é moi simple: consiste en acender uns fachos e marchar con eles en procesión para facer unha grande fogueira.
Tódolos que participan nesta ceremonia afirman que é parte dunha tradición moi vella, que de feito podemos crer que se perde na noite dos tempos, pero a festa que realmente é máis próxima á tradición do Halloween é a festa do Samaín de Cedeira.
Os veciños de Cedeira celebran a noite de Santos dende hai oito anos graciñas á recuperación do Samaín por parte da asociación cultural "Chirlateira" propiciando que centos de persoas, nenos na súa meirande parte, saian á rúa con cabazas talladas en forma de caveira cunha vela acendida no seu interior. A festa adoita comezar ó redor das cinco do serán e faise un percorrido polos calellos máis escuros da vila ó compás da música dun tambor.
No Concello da Illa de Arousa os nenos érguense antes de que saia o sol e percorren as rúas e tendas o día 1 de novembro pedindo cunha algarada tradicional: 
"unha limosniña polos defuntiños que van alá". 
Reciben cartos, laranxas, lápises, boliños de pan e lambetadas.
E en Xil, una parroquia do concello de Meaño na ladeira do monte, entre o lusco e o fusco os seus habitantes suben en procesión ó cemiterio portando velas. 
Dende abaixo, obsérvase unha "santa compaña" de luces oscilantes, e no mesmo cemitério non son poucas as viúvas que ficaron toda a noite alí, velando ós seus mortos.
Se cadra, é con esa e con outras tantas tradicións coas que hoxendía se seguen a facer pervivi-los antigos ritos celtas do Samaín na nosa terra, os que fan perdura-lo vello rito do máis vello dos rituais: a mesma morte.


Fonte: Revista "nova fantasía"

Ningún comentario:

Publicar un comentario